Co nome CAPM Baiona ou centro de Sabarís é como popularmente somos coñecidos, e xa vos podedes imaxinar cal é o motivo. Pero oficialmente o noso nome é CAPM mancomunado do Val Miñor, xa que formamos parte da mancomunidade de municipios de Baiona, Gondomar e Nigrán. Sexa cal sexa o nome que queirades empregar, todos nós estamos moi orgullosos/as de pertencer a esta pequena e gran familia formada por 34 persoas entre traballadoras e maiores. Son moitas as horas e momentos que todos/as compartimos aquí, facendo que exista un vínculo moi especial entre todos nós, e que nestes momentos de confinamento tanto botemos de menos. Cando veñades visitar as nosas instalacións, o primeiro que vos vai chamar a atención é a luz que temos, e non porque sexamos radiantes como o sol de verán desta zona sur de Galicia, que tamén, se non porque é un centro con enormes ventanais. Por iso nos demos en chamar “a casiña sen paredes” xa que grazas a estes enormes ventanais a nosa creatividade e compromiso non ten límites e tamén porque somos transparentes e abertos, cun peso organizativo importante en actividades comunitarias. Si, actividades comunitarias, sendo esta característica un dos valores que máis nos representa. Gústanos moito estar visibles na nosa contorna e ser parte da vida cotiá dos nosos veciños/as, aos que agora tanto botamos de menos.